Con-fluencias é unha experiencia que hibrida escoita, memoria, arte e participación comunitaria para resignificar o territorio baixo unha perspectiva integral de xénero e con especial atención ás diversidades.
Como se crea un mapa? Que arbitrariedade existe nel? Que motiva a vertebración da memoria comunitaria como algo externo ao espazo físico e emocional que se habita?
Co fin de apropiarse da demarcación das fronteiras impostas arredor do Río Sil, na Comarca de Valdeorras, xérase unha cartografía fluvial experimental, para procurar novas formas de narrarse e comprender o territorio.
Materialízase en dúas pezas de intervención. Unha Peza 1, centrada na exploración do álbum familiar e a intervención con cianotipia. E unha Peza 2, centrada na creación dun audiopaseo arredor do río Sil e unha orquestra experimental que xere ecos contemporáneos onde imaxinar outros posibles.
O proxecto toma forma desde a participación de catro grupos de mulleres adultas das poboacións participantes, así coma do tecido asociativo e veciñal de Viloira e do Barco de Valdeorras.