Educación social e sustentabilidade rural

Outonía é un recuncho da terra afastado entre altos cumios, é a auga dos ríos limpa e fría polo desxeo das neves, Outonía é un castiñeiro centenario e unha carballeira. É ese lugar no que as aldeas son casas baleiras e o fume sae de poucas chimeneas, Outonía é un colexio pequeno, é un falar miúdo pero galego. Outonía é comunidade, rede e creatividade, é un rural vivo e cheo de oportunidades.
Outonía era a nosa utopía. Hoxe é realidade.

Outonía s.f.: 1. Tempo do Outono. 2. Herba que nace despois de que se recolle o feo.

Das inquedanzas de tres educadoras sociais nace este proxecto. Dende as montañas do Courel, o Macizo Central e Trevinca, dende tres puntos xeograficamente distintos, nace esta meta común: a de ser quen de “vivir aquí” construíndo. Non só coma unha forma de emprego, senón coma unha forma de vida.

A cooperativa medra co fin de xestar proxectos educativos desde e para os territorios rurais, fiando realidades e propostas a través dos feminismos, a sustentabilidade rural e o respecto pola memoria e o patrimonio inmaterial das nosas comarcas. 

Outonía nace coma esa primeira herba que inunda os prados de riqueza e alimento despois da sequía do verán, con forza e moita vida. Outonía tamén é tempo de outono, un tempo no que as casas labregas se enchen de provisións para pasar o inverno.

Outonía son todos os proxectos e ideas que están por vir.

Comezamos?

Apostamos por crear proxectos e intervencións educativas en territorios rurais adaptadas ás necesidades das persoas que o conforman.