2025
O Rural Imaxinado

Narrativas novas desde a poboación moza

O Rural Imaxinado (RI, en diante) medra no marco do Laboratorio Mutante como unha proposta de diagnose aplicada orientada a crear canles de participación para as infancias e mocidades, promovendo a súa implicación activa na construción do territorio. O proxecto parte da identificación de malestares, tensións e percepcións arredor dese corpo simbólico que é o rural, para avanzar cara á formulación de propostas e alternativas capaces de cuestionar, restaurar e transformar as narrativas hexemónicas que o atravesan. Trátase, en definitiva, de abrir un espazo de escoita, reflexión e transformación colectiva.
O Rural Imaxinado reivindica o desprazamento do pensamento e a capacidade de imaxinar como unha facultade política para facer memoria, explorar subxectividades, idear futuros posibles e contribuír ao desenvolvemento dunha acción cultural comunitaria de carácter emancipador.
Grazas ao financiamento da Deputación de Lugo, Outonía desenvolve este proxecto desde o ano 2022. Na súa mutación “Narrativas novas desde a poboación moza”, a iniciativa afonda nos imaxinarios territoriais da mocidade a través de laboratorios de exploración e creación audiovisual realizados en tres centros educativos da provincia de Lugo: o IES Fontem Albei (A Fonsagrada), o CPI de Castroverde e o IES Pedregal de Irimia (Meira).
Neste proceso, a mocidade crea Correspondencias Fílmicas, un intercambio de voces adolescentes entre territorios marcados pola dispersión xeográfica, as narrativas do despoboamento e as culturas do abandono. Estas correspondencias configúranse como un arquivo vivo de videocartas co que aprender a afinar o pensamento crítico, (re)escribir relatos sobre o territorio e experimentar cos procesos de gravación, montaxe e linguaxe audiovisual.
As Correspondencias Fílmicas foron compartidas publicamente tanto nos propios centros educativos participantes como noutros espazos de relevancia comunitaria, entre os que destaca a Foliada da Fonsagrada. Estes encontros permitiron ampliar o diálogo entre territorios, reforzar o protagonismo da mocidade e facer visibles outras formas de narrar e habitar o rural.
A experiencia fixo parte da publicación da Revista Anida 6 “Los otros centros”, da Rede Planea. Un monográfico que se achega á escola rural coma espazo de posibilidade.
Correspondencias fílmicas
Revista ANIDA 6 – Los otros centros – Rural Imaxinado
Activación Recursos – ANIDA 6
Ficha
Cando
2025
Onde
Fonsagrada, Castroverde, Meira
Financia
-
Deputación de Lugo – Medio Rural, do Mar e Mocidade
Aliadas
-
Filmes de Pedra
-
IES Fontem Albei Fonsagrada
-
CPI Castroverde
-
IES Pedregal de Irimia-Meira.
-
Comisión organización Foliada da Fonsagrada
Créditos
Promove, facilita e coordina: Outonía Creacións artísticas: artistas implicadas e mocidade participante Produción audiovisual: Filmes de Pedra Imaxe e universo gráfico: Eva Piay
Outros proxectos




